Unha xincana 'sen filtros' levará a saúde mental ao Parque de Freixeiro este sábado

FerrolXa
A actividade do Concello de Narón estará aberta a persoas adultas e menores desde os 12 anos, con tres quendas entre as 10.30 e as 14.00 horas
NARON xincana saude mental
5 Oct 2026

O Parque de Freixeiro converterase este sábado nun espazo para reflexionar sobre o benestar emocional e a saúde mental. O Concello de Narón organizará o 10 de outubro a actividade 'Xincana sen filtros', unha proposta de sensibilización que pretende abordar a saúde mental dun xeito próximo e participativo, afastado de tabús e prexuízos.

A iniciativa, promovida con motivo do Día Internacional da Saúde Mental, desenvolverase baixo o lema 'O reto da saúde mental' e estará aberta á cidadanía. Poderán participar tanto persoas adultas como menores a partir dos 12 anos, aínda que no caso destes últimos será obrigatorio acudir acompañados por unha persoa adulta responsable.

Para facilitar que as persoas participantes poidan completar a actividade con tranquilidade, a xincana dividirase en tres quendas. A primeira terá lugar de 10.30 a 11.30 horas, a segunda de 11.45 a 12.45 e a última de 13.00 a 14.00 horas.
As prazas serán limitadas. A organización recomenda realizar a inscrición con antelación a través do código QR incluído no cartel da actividade, aínda que tamén será posible anotarse presencialmente o propio sábado. Neste caso, as inscricións poderán realizarse ata 15 minutos antes do inicio de cada quenda e sempre que queden prazas dispoñibles.

A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, destacou a importancia de abordar a saúde mental con normalidade e sen estigmas. A responsable municipal defende que o coidado do benestar emocional debe entenderse como unha cuestión que afecta ao conxunto da sociedade e non unicamente ás persoas que atravesan unha situación complicada.

Con esta proposta, o Concello pretende que a celebración do Día da Saúde Mental vaia máis alá dunha xornada reivindicativa e sirva tamén para promover unha reflexión sobre o propio benestar e sobre a maneira na que cada persoa pode acompañar e apoiar a quen ten ao seu redor.

A actividade tamén busca ofrecer un espazo de encontro e participación para a veciñanza, combinando a sensibilización cunha mañá de carácter lúdico. Desde o Conello animan a persoas de diferentes idades a achegarse ao Parque de Freixeiro e participar na experiencia. No caso de que as condicións meteorolóxicas impidan desenvolver a actividade ao aire libre, a xincana trasladarase ao Pavillón da Mocidade de Narón.

0.18004202842712