Unha xornada enteira para que as crianzas vivan e xoguen en galego chega a Ferrol

FerrolXa
O Centro Cívico de Canido acollerá o 3 de outubro a cuarta edición do 'Día da crianza galegofalante', con música, maxia, xogos e actividades gratuítas para toda a familia
FERROL dia da crianza
27 Sep 2026

Ferrol converterase o próximo 3 de outubro nun punto de encontro para as familias que queren reivindicar e fomentar o uso do galego entre as crianzas. O Centro Cívico de Canido acollerá a cuarta edición do 'Día da crianza galegofalante', unha celebración organizada por Brincarmos, o grupo de familias da Asociación Cultural Artábria, que ofrecerá unha programación gratuíta durante toda a xornada.

A actividade comezará ás 12.00 horas cun obradoiro impartido polo artesán naronés Emilio Romero Fabal, coñecido como SirFabal. As crianzas poderán construír os seus propios instrumentos de percusión tradicional utilizando materiais accesibles, nunha proposta que combina creatividade e achegamento ao folclore galego.

A música continuará ás 13.30 horas coa sesión vermú de Catropea, formación integrada por músicos de Bregadiers, Brassica Rapa e Bocaprier. O grupo achegará unha mestura de ritmos balcánicos, ska e rumba pensada para poñer a bailar ao público.

Ás 14.30 horas será o momento do xantar popular, con opcións de pan e bebida por 12 euros, 10 euros para as persoas socias da Artábria e 5 euros para menores de dez anos. É necesario reservar praza no teléfono 646 068 586 ou no correo brincarmos@gmail.com. Durante toda a xornada tamén haberá petiscos a prezos populares.

A programación da tarde arrancará ás 16.00 horas co pregón de Antón Cortizas. O escritor, mestre e investigador do xogo tradicional, autor de máis de trinta obras e galardoado, entre outros, cos premios Merlín e Barco de Vapor, será o encargado de abrir a segunda parte da celebración.

Só media hora despois, ás 16.30 horas, chegará o Festival Micro Aberto Infantil. O escenario quedará nas mans das propias crianzas, que poderán compartir co público cantigas, contos ou propostas musicais en galego.

A música regresará ás 17.00 horas con Gael Ares, músico de Fene e vencedor do certame 'Quero Cantar' na categoría infantil. A súa actuación estará marcada pola percusión e polos ritmos tradicionais.

Ás 18.00 horas será a quenda do ilusionista Dani García. O artista de Neda, con máis de quince anos de traxectoria, ofrecerá un espectáculo familiar no que combinará maxia, comedia, teatro xestual e narración oral.

A xornada rematará ás 19.30 horas co concerto a solo de MJ Pérez. A cantautora de Arzúa, vinculada á nova música galega e gañadora do Premio Martín Códax, pechará o programa cun repertorio no que mestura pop, rock e ritmos ibéricos.

Unha celebración con reivindicación e memoria

O 'Día da crianza galegofalante' ten tamén unha dimensión reivindicativa. Desde Brincarmos defenden a necesidade de que o galego non quede limitado ao ámbito familiar e poida converterse tamén nunha lingua de relación entre as crianzas, especialmente nos espazos de xogo, socialización e aprendizaxe.

A imaxe desta cuarta edición incorpora unha nena galegofalante cun pano palestino ao pescozo, un elemento co que a organización quere expresar a súa solidariedade coa infancia e cos pobos que sofren situacións de inxustiza.

A celebración tamén recupera un episodio da historia local. A organización sitúa o antecedente da efeméride no mitin celebrado o 4 de outubro de 1908 en Serantes, no que Rodrigo Sanz e Lugrís Freire utilizaron o galego na oratoria política e sindical da comarca.

Brincarmos anima así ás familias de Ferrol e do resto da comarca a participar nunha xornada que combina actividades infantís, cultura, música e reivindicación lingüística, coa intención de crear espazos nos que as crianzas poidan relacionarse e divertirse en galego.

0.10091400146484