Valdoviño celebra os 25 anos da Andada a Santo André de Teixido con preto de 120 participantes

Preto de 120 persoas participaron esta mañá na Andada a Santo André de Teixido organizada polo Concello de Valdoviño, que nesta ocasión tivo un carácter especial ao coincidir co 25 aniversario da primeira edición.
Entre as persoas que tomaron parte tanto naquela primeira andada como na celebrada hoxe estaban sete participantes, entre elas a técnica municipal de Cultura, Rita Díaz, unha das principais impulsoras do proxecto, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González. O rexedor exerceu como guía en boa parte das 25 edicións, aínda que naquela primeira e nalgunhas posteriores fíxoo na súa condición de arqueólogo.
Os romeiros e romeiras iniciaron a ruta ben cedo desde o lugar da Rocha, mantendo a mesma ilusión que nas primeiras edicións. Contra o mediodía alcanzaron o santuario de Santo André de Teixido, acompañados por unhas condicións meteorolóxicas especialmente favorables para a andada, cunha xornada sen sol e con apenas choiva.
Ao longo do percorrido houbo varias paradas destacadas. Entre elas estivo a vella igrexa de Loira e a capela da Fame, onde as persoas participantes puideron entrar no interior e contemplar o seu fermoso retablo policromado.
Outro dos puntos de interese foi Porto do Cabo, onde os participantes atoparon unhas anfitrioas moi especiais chegadas desde Vilaboa. Alí agardábanos unha pequena recepción con mazás, bola e café para repoñer forzas antes de continuar o camiño.
Como broche desta 25ª edición, o Concello de Valdoviño entregou ás persoas participantes unha peza de cerámica conmemorativa. A obra foi elaborada por Mai Estudo de Cerámica, con sede en Vilarrube, como recordo desta edición especial da andada.