Valdoviño presenta a súa programación cultural de novembro, con música, teatro e charlas informativas

O Concello de Valdoviño deu a coñecer a súa axenda de actividades culturais para o mes de novembro, que combinará propostas musicais, teatrais e divulgativas repartidas entre o auditorio municipal, a biblioteca e a sala de exposicións.
O programa arrincará o domingo día 1 cunha dobre cita protagonizada polo Mago Teto. Pola mañá, ás 12.30 horas, o artista ofrecerá unha charla-obradoiro no local da A.C.R.D. San Miguel de Aviño, e pola tarde, ás 18.00 horas, presentará no auditorio o espectáculo ‘Galerock & Magic no Camiño’. Ambas as dúas actividades enmárcanse dentro do programa Xacobeo 2027 e contan con financiamento da Xunta de Galicia.
O venres 6, tamén no auditorio e ás 20.00 horas, o grupo Baraza subirá ao escenario con ‘Remelexo’, un concerto de carácter multidisciplinar incluído na programación contratada pola Deputación da Coruña.
A semana seguinte, o xoves 12 ás 19.30 horas, o notario de Cedeira Fernando Frías Fontes impartirá unha charla informativa sobre cuestións como testamentos, poderes notariais, capitulacións matrimoniais, herdanzas en vida, bonificacións fiscais ou predios, entre outros asuntos de interese para a veciñanza.
O venres 13, dentro do ciclo de teatro ‘Ven o Venres’ e en colaboración coa Rede Cultural da Deputación Provincial, a compañía Iria Pinheiro representará ‘Vitória, retrato dunha denuncia’ ás 20.00 horas.
Xa na terceira semana do mes, o venres 20, tamén ás 20.00 horas, terá lugar a actuación ‘CoRral PoliAfónica’, a cargo do grupo Aturuxo de Melpómene.
Dende a organización lémbrase que as funcións do auditorio non requiren convite previo, que as portas abriranse vinte minutos antes do inicio de cada actividade e que pecharán puntualmente á hora sinalada ou unha vez cuberto o aforo dispoñible.
Ciclo de música escolar
O mes incluirá ademais un ciclo específico dirixido ao alumnado dos centros educativos do municipio. O luns 23 representarase ‘Pelica de burra’, a cargo da compañía Vero Rilo, nas instalacións do P.A.I. de Valdoviño. O martes 24, ás 12.00 horas no auditorio, será a quenda de ‘Dedín, dedín, dedal’, da compañía 42 Norte, dirixido ao alumnado do CPI Atios e do CRA O Esquío.
O mércores 25, ás 11.00 horas, a compañía Brais das Hortas presentará o seu novo espectáculo para o alumnado do CPI Atios, e o xoves 26, ás 17.00 horas, o grupo Ludus Tonalis ofrecerá o concerto ‘Lingua Nai’, tamén dirixido ao alumnado deste centro. Todas estas actividades escolares desenvólvense co respaldo da Rede Cultural da Deputación Provincial.
Exposición e biblioteca
A sala de exposicións municipal acollerá entre os días 16 e 25 de novembro a mostra ‘Educación en feminino: un paseo pola historia’, que poderá visitarse de luns a venres en horario de 11.00 a 13.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas. A iniciativa conta coa colaboración da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo, dependente da USC.
Pola súa banda, a biblioteca municipal mantén aberto o prazo de inscrición para o seu club de lectura. Quen estea interesado pode apuntarse chamando aos teléfonos 981 48 76 66 ou 645 30 52 29 en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, ou ao 689 28 32 49 en horario de tarde, de 17.00 a 19.00 horas. Para máis información tamén se pode contactar neste último número pola tarde ou acudir directamente ás instalacións da biblioteca.