A asociación Nordés dedica a XVI edición das Xornadas “Memoria dun Tempo” á historia de Mañón

A Asociación polo Desenvolvemento das Terras da Faladora, Nordés, celebrará entre o xoves 20 e o sábado 22 de agosto a XVI edición das Xornadas “Memoria dun Tempo”, que este ano estarán centradas integramente no Concello de Mañón. A iniciativa chega en 2026, 90 anos despois do golpe militar e do período histórico posterior, e terá como escenario o Barqueiro.
As xornadas recuperan así o enfoque da súa primeira edición, celebrada en 2011, tamén dedicada aos acontecementos vividos en Mañón durante os anos da II República, os días do golpe militar e as décadas de guerra e posguerra.
Co obxectivo de achegar estes feitos desde unha perspectiva formal, estruturada e baseada na investigación histórica, Nordés deseñou nesta ocasión un formato de mesa redonda con intervencións breves de cada relator, de aproximadamente 20 minutos, seguidas dunha quenda de preguntas.
A programación comezará o xoves 20 de agosto con tres relatorios. Emilio Grandío abordará “Cambio e modernización: Mañón na Segunda República”, mentres que Hixinio Puentes falará sobre a chegada da guerra ao Barqueiro. A xornada completarase coa intervención de Xosé Manuel Suárez, titulada “Mañoneses no Memorial de Vítimas do franquismo en Ferrol”.
O venres 21 será a quenda de Carlos Nuevo Cal, que presentará o relatorio “Lugares da Memoria en Mañón: a Ponte Vella do Barqueiro”. A continuación, Lucía Santiago tratará “O Plan Cuadrienal de Memoria Democrática e a investigación histórica da fosa de Ribeiras do Sor”. Fernando Ocampo pechará as intervencións da xornada cunha achega sobre “Os paseados en Ribeiras do Sor”.
A programación rematará o sábado 22 de agosto ás 13.00 horas coa tradicional Homenaxe a Republicanos e Libertarios na Ponte Vella do Barqueiro, que volverá poñer o punto final ás Xornadas “Memoria dun Tempo”.