A comunidade educativa do CEIP Juan de Lángara esixe unha solución urxente ante a entrada de xabaríns no colexio

FerrolXa
A ANPA reuniu esta mañá familias e representantes políticos e veciñais nun peche humano para reclamar a renovación do perímetro
FERROL peche humano juan de lángara
12 Nov 2026

A comunidade educativa do CEIP Juan de Lángara, no barrio ferrolán de Canido, volveu reclamar unha solución inmediata á presenza reiterada de xabaríns dentro do recinto escolar. A ANPA convocou este xoves pola mañá un peche humano simbólico ás portas do centro para esixir unhas instalacións seguras e a reparación do deteriorado peche perimetral. A asociación considera que o problema continúa sen resolverse malia os compromisos adquiridos polas administracións.

A mobilización contou coa participación de familias e outros membros da comunidade educativa, así como coa presenza de representantes do BNG, Ferrol en Común e a Asociación Veciñal de Canido. Tamén recibiu o apoio de FEANPAS. A ANPA valorou positivamente a resposta e destacou que a concentración permitiu visibilizar unha preocupación compartida: garantir que o alumnado poida utilizar o colexio e os seus espazos exteriores con seguridade.

As familias insisten en que o problema non son os animais, senón a falta dunha protección perimetral eficaz que impida o seu acceso. Segundo a asociación, os xabaríns entran de maneira reiterada no recinto, mesmo en momentos de chegada do alumnado ao comedor, levantan zonas verdes e provocan danos que dificultan o mantemento das instalacións. A situación afecta tamén a espazos utilizados por entidades deportivas, como o Club de Rugby Ferrol.

Unha renovación do peche aprobada en xuño

A ANPA lembra que o pleno municipal aprobou por unanimidade o 25 de xuño unha moción que contemplaba a renovación integral e urxente do peche perimetral, ademais de medidas para recuperar e manter os espazos exteriores. Porén, case cinco meses despois, a asociación considera que aínda non se materializaron as actuacións necesarias.

Tras a concentración, as familias reclamaron unha resposta coordinada do Concello de Ferrol e da Xunta de Galicia. Advertiron ademais de que non descartan novas mobilizacións se non se adoptan medidas inmediatas para evitar que os animais sigan entrando no colexio.

A protesta contou tamén coa presenza do deputado do BNG no Parlamento galego, Mon Fernández, que se reuniu coa ANPA para coñecer as súas demandas. A formación anunciou a presentación dunha proposición na Cámara autonómica para instar a Xunta a renovar o perímetro do centro e actuar fronte á presenza de xabaríns en zonas urbanas.

O BNG reclama así mesmo unha intervención conxunta das administracións. A formación considera que o Concello debe reforzar os labores de limpeza e mantemento para evitar que estes animais atopen espazos onde asentarse e reproducirse, mentres que atribúe á Xunta a responsabilidade de adoptar medidas para o control da fauna salvaxe.

A ANPA defende que a mobilización tamén ten un compoñente educativo, ao transmitir ao alumnado a importancia de coidar os espazos comúns, respectar os animais e reclamar de maneira pacífica aquilo que considera xusto. A súa demanda, insiste, é que o colexio dispoña dunhas instalacións seguras e en condicións adecuadas para toda a comunidade educativa.

0.16467714309692