A fabada e o produto local serán protagonistas da décima Feira da Faba o 11 de outubro

Moeche celebrará o domingo 11 de outubro a décima edición da Feira da Faba, unha cita coa que o municipio busca poñer en valor un produto tradicional da comarca e impulsar a recuperación dun cultivo que tivo unha importante presenza no pasado.
A feira desenvolverase entre as 10.00 e as 15.00 horas e coincidirá coa feira mensual de Moeche. Os postos específicos da Feira da Faba estarán instalados na nave recentemente rehabilitada do Centro de Desenvolvemento Económico e Social (CEDES), onde se poderán adquirir fabas procedentes de pequenas explotacións da zona e de Lourenzá.
A oferta completarase cos postos habituais da feira mensual, aos que se sumarán propostas de artesanía e doces, polo que a xornada combinará a promoción do produto agroalimentario con outras actividades comerciais e culturais.
Fabada, música e concurso de debagado
Un dos momentos destacados da xornada será a degustación de fabada elaborada pola Asociación Veciñal de Labacengos. As racións ofreceranse a prezos populares e estarán dispoñibles a partir das 12.30 horas.
A programación incluirá tamén a actuación da Banda de Gaitas Alxibeira do Padroado da Cultura do Concello de Narón, prevista para as 12.15 horas e financiada a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Ás 12.45 horas terá lugar o tradicional concurso de debagado de fabas, con participación tanto de persoas adultas como de rapazada. A organización tamén realizará ás 13.45 horas un sorteo de lotes de produtos da feira.
Os boletos para participar no sorteo entregaranse de balde por cada compra de fabas realizada durante a xornada.
A feira pechará ás 15.00 horas, despois de cinco horas de actividade.
Nesta décima edición, o Concello de Moeche conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña e da Asociación Veciñal de Labacengos.