'Labacengos non é só o lugar onde vivimos: é unha comunidade que construímos entre todos'

FerrolXa
A Asociación de Veciños de Labacengos, creada en 2004, manten unha intensa actividade durante todo o ano con propostas culturais, deportivas, gastronómicas e solidarias que buscan reforzar a convivencia e manter vivas as tradicións
MOECHE asoc labacengos
30 Aug 2026

Por Noelia Uceira

Na parroquia de Labacengos faltaba algo. A comezos dos anos 2000 apenas había actividades para os veciños e tampouco existía un espazo propio no que reunirse. Algunhas mulleres que xa coincidían na asociación de pais e nais do colexio comezaron a darlle voltas á posibilidade de crear unha entidade que dinamizase a parroquia. Eva, Raquel e Sole están entre as que deron aquel primeiro paso, aínda que a idea foi de Beatriz, que anos despois pasaría a ser a alcaldesa de Moeche.

'Como non facemos unha asociación de veciños para isto?', lembran que se preguntaron. Era 2004 e a sensación que tiñan daquela queda resumida nunha frase que aínda lembran entre risas: 'Isto parecía o estado de Chiapas. Estabamos abandonados, non había nada'.

Así naceu a Asociación de Veciños de Labacengos, que comezou a organizar actividades e a buscar fórmulas para que os veciños tivesen espazos nos que atoparse. O que inicialmente partía dunhas poucas persoas acabaría converténdose, co paso dos anos, nunha das entidades máis activas do municipio.

Dunha nave a un centro social

Os primeiros anos da Asociación de Veciños de Labacengos estiveron marcados tamén pola falta dun espazo propio. Para desenvolver as súas actividades utilizaban unha nave privada, O Ventoeiro, un espazo que anteriormente estaba relacionado co aeromodelismo e que podían utilizar grazas a que llo deixaban.

Alí fixeron de todo: cursos de cociña, costura, labores, pandeireta e diferentes charlas. O problema era que as condicións non eran precisamente as máis cómodas. 'Era unha nave onde gardaban avións', lembran durante a entrevista.

No verán, a calor podía chegar a ser abafante e no inverno tocaba abrigarse. 'Tivemos unha churrascada e morriamos esmagados de calor. Pero no inverno temos estufas e temos calefactor, pero segue sendo unha nave. Hai que ir abrigado', explican.

A pesar das condicións, os veciños chegaron a preferir aquel espazo a ter que desprazarse a outros locais. Lémbrano especialmente ao falar dos obradoiros de cociña: podían utilizar outro local con cociña, pero estaba máis afastado e os veciños non querían desprazarse ata alí. 'Preferían ir para O Ventoeiro para pasar frío', contan entre risas.

O salto chegou cando o Concello de Moeche construíu o actual Centro Cívico, Lapatiencos. A parroquia era, xunto con Santa Cruz, unha das que aínda non contaba cun espazo deste tipo e a asociación levaba anos reclamando, dalgún xeito, un lugar onde poder desenvolver a súa intensa actividade. 'Nós somos os que máis actividades tiñamos e non tiñamos un local', explican. Finalmente, o Concello construíu o centro e cedeullo á asociación.

O novo espazo supuxo un cambio importante. Agora poden organizar alí boa parte da súa programación durante todo o ano, aínda que as integrantes recoñecen que o edificio tamén ten aspectos mellorables, especialmente en cuestións como o illamento. A antiga nave, mentres tanto, segue aparecendo na conversa como ese lugar algo incómodo pero cheo de recordos no que a asociación foi medrando.

Deporte, cociña, música e moitas escusas para reunirse

Co paso dos anos, a asociación foi ampliando as súas propostas ata construír unha programación pensada para públicos e idades diferentes. Hai actividades deportivas e de benestar, como zumba, exercicios funcionais, estiramentos, solo pélvico ou andainas; propostas culturais, como a pandeireta; obradoiros de labores e pintura; excursións e diferentes celebracións ao longo do ano.

A cociña ocupa un lugar especialmente importante. Os cursos e obradoiros teñen unha gran acollida entre os veciños. 'Aquí os cursos de cociña triunfan sempre', explican.

E tamén as comidas serven como unha poderosa ferramenta para conseguir participación. Eles mesmos teñen identificada a fórmula: 'A palabra máxica é petiscos'.

Unha actividade que pode reunir a quince ou vinte persoas pode alcanzar unha asistencia moito maior cando leva asociada unha comida. A asociación chegou a organizar encontros para centos de persoas, aínda que actualmente intenta limitar o número de asistentes nalgunhas celebracións porque detrás de cada comida hai moitas horas de traballo.

As excursións son outra das actividades habituais. Portugal é un dos destinos que máis éxito ten, aínda que o obxectivo das saídas vai máis alá de coñecer un lugar concreto: viaxar xuntos, comer, falar e pasar o día en compañía.

A programación complétase con propostas relacionadas coas tradicións galegas. A pandeireta ten o seu propio espazo a través das Desmuíñadas do Ventoiero, mentres que os labores, a pintura e outros obradoiros manteñen o local activo e permiten que participen veciños con intereses moi diferentes.

O Entroido tamén se prepara entre todos

O Entroido é outra das citas importantes do calendario de Labacengos. A asociación elabora os seus propios disfraces e, aínda que as primeiras ideas poden comezar a comentarse con meses de antelación, a realidade é bastante menos organizada que a dunha comparsa profesional. 'Facémolo entre todos e, ao mellor, unha semana antes', contan entre risas. As ideas, iso si, están presentes durante todo o ano: 'Falamos todo o ano. Hai que pensar. Mandan isto, mandan o outro...'.

A improvisación e o enxeño deron lugar a algúns dos seus disfraces máis lembrados. Un exemplo foi un dominó xigante feito con caixas de cartón. A idea inicial parecía sinxela: reciclar o material e evitar gastos. 'Fixemos un dominó. Con cartón. Unha caixa de cartón', lembran.

O plan de aforrar acabou, con todo, tendo unha consecuencia inesperada. Porque se o disfrace era de cartón, había que pintalo. 'Acabamos coa pintura na cooperativa da Barqueira, e con parte da de San Sadurniño', contan entre risas. Outra integrante lémbrano como un dos mellores: 'Para min foi o mellor, pasámolo bomba'.

O dominó non foi precisamente un disfrace de usar e tirar. As pezas aínda permanecen gardadas en O Ventoeiro, como recordo daqueles Entroidos e dunha forma de traballar que se repite na asociación: aproveitar o que hai, poñer imaxinación e, se fai falta, botar moitas horas de traballo.

A elaboración dos disfraces serve así como outra mostra de como funciona a asociación: non hai grandes producións nin meses de ensaios, senón veciños que achegan ideas, materiais e horas de traballo para conseguir que, cando chegue o Entroido, Labacengos teña o seu propio disfrace.

A Festa da Esfolla, unha tradición convertida en encontro

Entre todas as actividades da asociación, hai unha que ocupa un lugar especial: a Festa da Esfolla.

A celebración recupera unha tradición vinculada ás antigas labores agrícolas e convértea nunha xornada na que o traballo arredor do millo se mestura coa gastronomía, a música e a convivencia. É unha desas citas nas que a asociación consegue reunir a veciños de diferentes idades arredor dunha costume que forma parte da memoria da parroquia.

O problema é que a esfolla, como traballo, non ten hoxe o mesmo atractivo que como festa. E eles sábeno. 'A xente quere comer e non esfollar', recoñecen entre risas.

Pero precisamente aí está unha das claves da celebración. A asociación conseguiu adaptar unha tradición que podía quedar relegada ao recordo e convertela nunha actividade capaz de atraer os veciños. A preparación tamén reflicte como traballan durante todo o ano: repartindo tarefas e botando unha man alí onde faia falta. Cociñar, preparar o espazo, organizar os participantes ou solucionar calquera imprevisto forma parte do proceso.

Unha asociación que o aproveita todo

Esa forma de traballar tamén se reflicte nos materiais que utilizan. En Labacengos procuran aproveitar o que teñen e dar unha segunda vida a obxectos que outras persoas xa non necesitan.

É aquí onde aparece unha das anécdotas que máis risas provocou durante a entrevista. Javier, integrante da directiva, bromea con Eva (presidenta) pola súa facilidade para aceptar practicamente calquera doazón que poida ser útil para a asociación. Unha neveira, un conxelador, materiais para os obradoiros ou calquera obxecto que poida aproveitarse acaba tendo un oco.

A broma remata co diagnóstico particular de Javier: 'Temos síndrome de Dióxenes'. Eva tómao con humor e responde: 'Iso podes poñelo en letras grandes'.

Máis alá da broma, a asociación defende precisamente a reutilización. 'Fomentamos a reutilización', explican. E os veciños responden. Moitas das cousas que utilizan chegaron porque alguén as tiña na casa e pensou que podían ser útiles para a entidade.

Esa colaboración funciona tamén en sentido contrario. A asociación presta materiais e axuda a outras entidades da zona cando o necesitan. 'Ao final axudámonos entre todos. Como tamén nos axudaron a nós cando empezamos', explican.

Unha parte de Labacengos que tamén mira cara fóra

A actividade da asociación tampouco remata nas fronteiras da parroquia. Unha das súas iniciativas máis importantes é a Tarde Solidaria, que organizan coincidindo co aniversario da entidade e que serve para colaborar co Banco de Alimentos de Ferrolterra.

A resposta dos veciños permitiu reunir grandes cantidades de produtos. Nunha das últimas campañas chegaron a recoller arredor de mil quilos. 'Os do Banco de Alimentos é que alucinan', contan.

Ademais, intentan que as campañas respondan ás necesidades reais de quen recibe a axuda. 'Nós sempre preguntamos que é o que vos fai falta'. Deste xeito, poden centrar a recollida nos produtos que máis se necesitan en cada momento.

A solidariedade aparece tamén en xestos moito máis pequenos. Lembran, por exemplo, ocasións nas que levaron comida a veciños que non podían acudir a algunha actividade porque estaban enfermos. Son detalles que, para eles, forman parte da mesma maneira de entender o asociacionismo.

O reto de que alguén colla o relevo

Despois de máis de vinte anos, a asociación enfróntase agora a unha preocupación diferente: quen continuará facendo todo isto dentro doutros dez ou vinte anos. Cando se lles pregunta como lles gustaría ver a entidade dentro dunha década, a resposta é inmediata: 'Relevo xeracional'.

Os integrantes actuais saben canto traballo hai detrás de cada actividade. Organizar unha comida, preparar unha excursión, montar unha festa ou manter o local require tempo e dedicación. E atopar persoas novas dispostas a asumir ese traballo non sempre resulta sinxelo. 'Nós imos acabando', bromean.

Pero a preocupación é real. A asociación necesita que novas xeracións se incorporen pouco a pouco, non necesariamente para asumir de inmediato postos de responsabilidade, senón para comezar a participar, achegar ideas e coñecer como funciona a entidade. Porque o obxectivo non é simplemente manter un calendario de actividades. O que queren conservar é a forma de facer as cousas: repartir tarefas, axudarse, aproveitar os recursos, recuperar tradicións e, sobre todo, traballar xuntos.

'Aquí cabemos todos', aseguran. E volven a unha idea que aparece varias veces durante a conversa: 'Hai que ser un equipo'

Por eso a asociación tamén quere dar as grazas aos seus familiares e a todos os veciños que os axudan día a día, así como a todos os que pasaron pola directiva ao longo de todos estes anos.

Desde aquel 2004 no que unhas veciñas se preguntaron como podían dar vida a Labacengos ata hoxe pasaron máis de vinte anos. Nese tempo cambiaron as actividades, conseguiron un local, recuperaron tradicións, organizaron comidas para centos de persoas, recolleron alimentos para quen os necesita e encheron de vida un espazo que antes non existía.

Pero a esencia segue sendo a mesma. 'Labacengos non é só o lugar onde vivimos: é unha comunidade que construímos entre todos'.

0.10045599937439