A Feira do Porco ao Espeto volverá reunir gastronomía, música e ambiente festivo o 22 de agosto

A terceira edición da Feira de Exaltación do Porco ao Espeto xa ten data. O Concello de Narón e a Asociación Veciñal A Pombiña presentaron este venres a programación dunha cita que volverá converter a pista polideportiva de Pedroso nun punto de encontro para a veciñanza e visitantes o vindeiro 22 de agosto, cunha xornada na que a gastronomía, a música e as actividades de lecer compartirán protagonismo.
A presentación contou coa participación da concelleira de Feiras, Mar Gómez, acompañada polo presidente da asociación veciñal, José Romero, a vicepresidenta, Mercedes Fidalgo, e outros membros da recentemente renovada directiva da entidade.
A programación arrancará ao mediodía cunha sesión vermú amenizada con música, durante a que se repartirán petiscos gratuítos entre as persoas asistentes. Pola tarde, entre as 18.00 e as 22.00 horas, haberá unha festa infantil con inchables para a cativada.
O momento central da xornada chegará ás 21.00 horas coa tradicional cea popular, na que o porco ao espeto volverá ser o gran protagonista. O menú completarase con churrasco, chourizos, patacas, pan, bebida, sobremesa e café. A celebración continuará despois coa actuación musical de Tania.
Os tickets para participar na cea sairán á venda este sábado 1 de agosto na cantina da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña. O prezo será de 18 euros para as persoas socias, 25 euros para as non socias e 12 euros para os nenos e nenas maiores de 12 anos, mentres que os menores desa idade poderán asistir de balde. A organización porá á venda un máximo de 400 entradas, que tamén estarán dispoñibles o propio día da festa sempre que non se esgoten previamente.
Durante a presentación, a concelleira Mar Gómez animou á cidadanía de Narón e da comarca a participar nesta celebración, ao tempo que felicitou á nova directiva da Asociación Veciñal A Pombiña polo inicio desta nova etapa. A edil destacou tamén o labor da entidade na dinamización social e cultural da parroquia e agradeceu o seu compromiso para facer posible unha cita que xa se consolida no calendario festivo do municipio.