A hostalería de Cedeira prepara a sétima edición do certame Tapas de Outono

Os establecementos hostaleiros de Cedeira poderán participar ata o próximo 14 de outubro na inscrición para a sétima edición do certame Tapas de Outono, que se celebrará do 13 ao 15 de novembro. A iniciativa, organizada polo Concello, busca promocionar a calidade da hostalería local e dinamizar o sector a través de propostas gastronómicas elaboradas con produtos propios desta estación.
Cada local poderá presentar unha única tapa, creada expresamente para o concurso, que se ofrecerá ao público a un prezo de tres euros. As elaboracións deberán incorporar ingredientes propios do outono e estarán dispoñibles durante as xornadas previstas para o certame.
O público será o encargado de elixir a proposta gañadora mediante un sistema de votación. Nos establecementos participantes repartiranse tarxetas nas que cada persoa poderá outorgar tres, dous e un punto ás súas tapas favoritas. As papeletas cubertas deberán depositarse nas caixas habilitadas para ese fin.
Para que o voto sexa válido, cada participante terá que acreditar que degustou polo menos a metade das tapas presentadas mediante os selos ou as sinaturas dos establecementos correspondentes. Cada persoa poderá emitir unha única tarxeta de votación.
O local gañador será o que obteña a maior puntuación, sempre que acade un mínimo de 50 puntos. En caso de empate, vencerá o establecemento que reúna máis votos de tres puntos. Ademais, as persoas que participen na votación e depositen a súa tarxeta cuberta entrarán no sorteo dunha cea para dúas persoas no local gañador.
Horarios e inscrición
As tapas deberán servirse no servizo de noite do venres 13 de novembro, nos servizos de mediodía e noite do sábado 14 e no servizo de mediodía do domingo 15. O horario mínimo de apertura será de 12.30 a 14.30 horas ao mediodía e de 20.00 a 22.30 horas pola noite.
Os negocios hostaleiros interesados en participar poden formalizar a súa inscrición enviando unha mensaxe por WhatsApp ao número 697 479 710 ou escribindo ao correo electrónico noel.lopez@cedeira.gal. O prazo permanecerá aberto ata o 14 de outubro.