A Xunta ofrece seguir buscando alternativas para recuperar o marisqueo na ría de Cedeira

A reunión entre as mariscadoras da ría de Cedeira e o novo director xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, David Gómez Brandariz, non serviu para concretar solucións á crise que atravesa o colectivo. O encontro, celebrado este xoves en Santiago, permitiu expoñer a situación dos bancos marisqueiros e a falta de viabilidade económica das traballadoras, pero rematou sen compromisos concretos para recuperar a actividade.
Na reunión participaron a vicepatroa segunda da Confraría de Pescadores e presidenta da agrupación de mariscadoras, Susana Bellón; a secretaria do colectivo, Raquel Ramos; a secretaria da confraría, María Rodríguez; e o biólogo do pósito, Santiago Pereira. Pola parte da Consellería do Mar asistiron, ademais de Gómez Brandariz, o director territorial de Pesca en Celeiro, Alexandre Piñeiro, e outro técnico do departamento autonómico.
Durante o encontro, o biólogo da confraría expuxo datos sobre a mortaldade de berberechos e ameixas, así como os resultados negativos das últimas sementeiras realizadas polas mariscadoras. O colectivo reclamou unha investigación en profundidade para determinar as causas do forte declive produtivo da ría. Neste sentido, abordouse tamén a necesidade de realizar un estudo sobre o estado do substrato dos bancos.
Segundo trasladaron as propias mariscadoras, o director xeral recoñeceu que xa non será posible establecer antes de que remate 2026 ningún convenio para encargarlles traballos de rexeneración que contribúan a paliar a súa situación económica. De cara ao próximo ano, recomendou explorar a explotación doutros recursos, como o bígaro, o poliqueto ou o cangrexo, mediante a presentación de plans específicos.
O colectivo prevé estudar estas alternativas e trasladar á Consellería propostas de explotación que poidan ofrecerlles unha saída a medio prazo, mentres agardan pola recuperación das especies que tradicionalmente sostiveron a súa actividade. As mariscadoras consideran que a diversificación pode ser unha vía para manter o traballo, pero insisten na necesidade de actuar tamén sobre as causas da desaparición dos recursos habituais.
A crise das mariscadoras da ría de Cedeira comezou en 2024 e foi empeorando ata deixar os bancos sen produtividade. O colectivo está formado por doce mulleres de Cedeira e Valdoviño, que levan tempo sen poder desenvolver a súa actividade pola mortaldade de ameixas e berberechos. Algunhas xa esgotaron a prestación por desemprego e deben seguir asumindo os seus seguros sociais sen contar con ingresos procedentes do marisqueo.
Nas últimas semanas, as mariscadoras trasladaron as súas demandas coa colaboración dos concellos de Cedeira e Valdoviño e da Confraría. Entre as súas principais peticións están investigar as causas da mortaldade, adoptar medidas para recuperar os bancos e establecer algún mecanismo de apoio económico mentres non poidan retomar o traballo.
A ría de Cedeira está declarada Reserva Mariña de Interese Pesqueiro desde 2009. As mariscadoras reclaman que esa figura de protección se traduza en actuacións que permitan recuperar os recursos e garantir o futuro da actividade.