A XXXVI Festa do Pan de Neda xa ten cartel e quenta motores para a súa celebración o 6 de setembro

FerrolXa
O deseño de Juanlu Nacha rende homenaxe aos panadeiros e panadeiras do municipio, protagonistas dunha cita declarada Festa de Interese Turístico de Galicia
NEDA presentacion pan de neda
5 Aug 2026

A conta atrás para a XXXVI Festa do Pan de Neda xa comezou coa presentación do cartel oficial da cita, que se celebrará o vindeiro 6 de setembro na contorna do albergue de Xuvia. O Concello volve apostar polo deseñador gráfico ferrolán Juan Luis Fernández, 'Juanlu Nacha', que asina por cuarto ano consecutivo a imaxe promocional dun dos eventos gastronómicos máis destacados da localidade.

O cartel foi presentado polo alcalde, Ángel Alvariño, e a concelleira de Cultura e Turismo, Marián Bello, xunto aos representantes das tres panadarías que participarán este ano con postos de venda: La Gallega, Panificadora Germán e Paca Castro.

Nesta edición, o deseño quere poñer o foco nos panadeiros e panadeiras de Neda, recoñecendo o seu papel na tradición panadeira do municipio e no mantemento dun sector con importante peso na economía local. A imaxe tamén fai referencia á variedade de produtos que elaboran os fornos da vila e que abastecen a boa parte da comarca.

Nas próximas semanas, o Concello dará a coñecer o programa completo da Festa do Pan, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, que volverá combinar a promoción do produto local con actividades para todos os públicos.

0.093492031097412