De Vacas despedirá o ano cunha última ‘Vacanal Sinfónica’ no Pazo da Cultura de Narón

FerrolXa
O grupo galego celebrará o seu décimo aniversario o 28 de novembro no Pazo da Cultura, cunha revisión sinfónica dos seus grandes éxitos xunto ao Coro da Ra e unha orquestra creada para a ocasión
NARON vacanal sinfonica
27 Oct 2026

De Vacas converteu as versións musicais, o humor e a retranca nun sinal de identidade propio dentro da escena galega. O que comezou en 2015 como unha proposta para reinterpretar cancións coñecidas acabou consolidándose como un proxecto artístico recoñecible, capaz de combinar harmonías vocais, letras irreverentes e unha mirada crítica sobre a cultura popular. Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández son as catro persoas que dan vida a esta formación, que leva unha década trasladando o seu particular universo aos escenarios.

Ao longo destes dez anos, o grupo construíu un repertorio no que as melodías populares se transforman a través da súa personalidade musical e do humor. A súa proposta vai máis alá da parodia: as voces, os arranxos e a posta en escena son parte fundamental dun espectáculo no que a diversión convive coa reflexión e cunha identidade marcada pola retranca galega.

Esta traxectoria é a que revisita ‘Vacanal Sinfónica’, o espectáculo co que De Vacas celebra o seu décimo aniversario. A formación dá un novo formato aos seus grandes éxitos cunha proposta de carácter sinfónico e operístico, na que as cancións, as letras e as vivencias destes anos se articulan nunha montaxe de gran formato. Os arranxos e a dirección musical corren a cargo do compositor Lucas Rei.

A proposta supón unha evolución respecto dos primeiros pasos do grupo, que naceu cunha fórmula máis sinxela, baseada nas voces e na guitarra. Nesta ocasión, De Vacas amplía o seu universo sonoro coa participación dunha orquestra creada especificamente para o espectáculo e do Coro da Ra, unha formación coa que varias das integrantes do grupo xa compartiran traxectoria musical. A combinación de voces, instrumentos e escenografía busca ofrecer unha nova lectura do repertorio sen perder o carácter humorístico e irreverente que define a banda.

A ‘Vacanal Sinfónica’ chegará ao Pazo da Cultura de Narón o sábado 28 de novembro, ás 20.00 horas. A actuación forma parte das citas coas que De Vacas continúa celebrando os seus dez anos de historia e permitirá ao público achegarse a unha versión máis ambiciosa e orquestral das súas cancións. As entradas están á venda a través da web do Padroado da Cultura de Narón.

0.32067513465881