Labacengos recolle case 1.000 quilos de alimentos na súa Tarde Solidaria en Moeche

FerrolXa
A décima edición da iniciativa coincidiu co XXII aniversario da asociación veciñal e reuniu 960 quilos de produtos destinados ao Balrial Ferrol
MOECHE labacengos aniversario + tarde solidaria
26 Oct 2026

A Asociación Veciñal Labacengos volveu converter o seu aniversario nunha oportunidade para colaborar coas persoas que máis o necesitan. A décima edición da súa Tarde Solidaria, celebrada este domingo no Ventoeiro, en Moeche, rematou coa recollida de 960 quilos de alimentos destinados ao Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial) de Ferrol.

A campaña é unha das iniciativas solidarias máis destacadas da entidade e leva anos formando parte da celebración do seu aniversario. A resposta veciñal permitiu reunir cantidades importantes de produtos en edicións anteriores, nas que a recollida xa roldara os mil quilos. Para organizar estas campañas, a asociación consulta previamente co banco de alimentos que produtos necesita, co obxectivo de adaptar as doazóns ás necesidades das persoas destinatarias.

Máis de vinte anos dinamizando Labacengos

A xornada coincidiu co XXII aniversario da Asociación Veciñal Labacengos, creada en 2004 por un grupo de veciñas que buscaban dar máis vida á parroquia. Naquel momento apenas había actividades para a veciñanza nin un espazo propio onde reunirse, polo que a entidade comezou a organizar cursos, obradoiros e encontros para fomentar a convivencia.

Na actualidade, a entidade organiza propostas deportivas, como zumba, exercicios funcionais e andainas; actividades culturais, como a pandeireta; obradoiros de cociña e obradoiro de labores, ademais de excursións e celebracións tradicionais. Entre estas últimas destaca a xa mencionada Tarde Solidaria ou a Festa de Esfolla, coa que recupera costumes vinculados ao traballo agrícola e á memoria rural e que este ano se celebrará o 14 de novembro.

Música e chocolate con churros para celebrar o aniversario

A décima Tarde Solidaria completouse coa actuación de 'Vai Rañala Meu', un espectáculo concedido a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña. As persoas asistentes tamén puideron desfrutar de chocolate con churros de balde. A asociación agradeceu a participación de todas as persoas que acudiron á celebración e colaboraron coa recollida, así como o apoio de Gandería Lavandeira e do Concello de Moeche.

0.15560102462769