Mañón abre este xoves as XVI Xornadas Memoria dun Tempo cunha homenaxe a Hilda Farfante

FerrolXa
As XVI Xornadas Memoria dun Tempo arrincan no Barqueiro cunha mesa redonda sobre a II República, o golpe de 1936 e a represión franquista
MAÑON memoria hilda
19 Aug 2026

A historia de Mañón volverá ocupar o centro da memoria este xoves 20 de agosto coa apertura das XVI Xornadas Memoria dun Tempo, unha iniciativa organizada pola asociación Nordés que nesta edición está dedicada integramente ao municipio, como xa acontecera na primeira convocatoria, celebrada no ano 2011.

A primeira sesión terá lugar ás 20.00 horas no Centro Sociocomunitario de Mañón, situado na Estrada de Viveiro, 3, no Barqueiro, e reunirá tres voces vinculadas ao estudo da historia contemporánea galega para analizar diferentes etapas do pasado do municipio.

A xornada comezará cunha lembranza especial a Hilda Farfante Gayo. Mestra e filla de mestres republicanos asasinados tras o golpe de Estado de 1936, Farfante dedicou boa parte da súa vida á defensa da memoria histórica e á recuperación da historia da súa familia. A súa propia experiencia marcou o seu compromiso coa educación e coa memoria democrática, e converteuna nunha voz especialmente relevante na transmisión do que supuxeron a represión e a ditadura franquista. Para a asociación Nordés, a súa ausencia nesta edición fai especialmente necesario este pequeno acto de homenaxe, no que será lembrada como mestra, amiga e compañeira das xornadas.

Tras esta homenaxe dará comezo a mesa redonda, que contará coa participación de Emilio Grandío, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e recoñecido historiador. A súa intervención servirá para poñer o foco na sociedade de Mañón durante o período da II República e achegar o contexto no que se desenvolveu a vida política e social do municipio antes do golpe militar.

A continuación intervirá Hixinio Puentes, cronista oficial de Mañón, historiador e novelista, que abordará os acontecementos vividos no municipio durante os días de xullo de 1936. A súa intervención prestará especial atención ao Barqueiro, convertido nun dos principais puntos de resistencia fronte á sublevación militar na zona.

O programa da primeira xornada pecharase coa intervención do historiador ferrolán Xosé Manuel Suárez, que analizará a represión posterior contra os veciños de Mañón que participaron na resistencia ao golpe. Moitos deles foron trasladados posteriormente a Ferrol, onde varios acabaron sendo asasinados e forman hoxe parte do Memorial de Vítimas do Franquismo da cidade.

Con esta primeira sesión, Nordés inicia unha nova edición das Xornadas Memoria dun Tempo que pretende recuperar e divulgar episodios da historia recente de Mañón, poñendo o foco tanto nos anos previos á Guerra Civil como na resistencia ao golpe e nas consecuencias da represión franquista.

A programación continuará durante os próximos días con novas actividades dedicadas á memoria histórica do municipio.

0.10255980491638