O BNG presenta 16 emendas aos Orzamentos da Xunta para reclamar investimentos por valor de máis de seis millóns en Cabanas

O abastecemento de auga, o saneamento, a seguridade viaria e a recuperación de espazos naturais concentran boa parte das 16 emendas que o BNG de Cabanas presentou aos Orzamentos da Xunta para 2027. O paquete de propostas, que suma máis de 6,6 millóns de euros nas partidas detalladas pola formación, busca incorporar investimentos que, segundo os nacionalistas, responden a necesidades pendentes do municipio.
As iniciativas foron impulsadas polo deputado do BNG e veciño de Cabanas, Xosé Manuel Golpe. O portavoz municipal e candidato á alcaldía, Iago Varela, defende que o Concello precisa compromisos concretos da Administración autonómica en servizos básicos, mobilidade, sanidade, medio ambiente e equipamentos.
Auga, saneamento e atención sanitaria
Entre as partidas máis importantes figura unha dotación dun millón de euros para desenvolver a rede de abastecemento de Laraxe, mediante o incremento da captación e a creación dunha nova rede de distribución. O BNG solicita tamén 500.000 euros para completar o saneamento de Regoela e outros 50.000 para estudar alternativas de abastecemento comarcal que permitan reducir os custos de bombeo e garantir a subministración en períodos de seca.
Neste último ámbito, Varela apunta á posibilidade de aproveitar a infraestrutura do hidroduto de H2Pole para estudar unha conexión que permita achegar auga á comarca por gravidade. A formación propón, ademais, destinar 30.000 euros a un estudo de viabilidade para analizar a posible ampliación do centro de saúde de Cabanas na parcela anexa.
Melloras nas estradas e no transporte público
A mobilidade ocupa outro dos bloques das emendas. O BNG reclama 500.000 euros para mellorar a seguridade na AC-122, entre Cardeita, no cruzamento coa N-651, e o límite con Fene. A actuación incluiría beirarrúas, pasos de peóns e solucións aos problemas de drenaxe e filtracións de auga na Costa do Vinteún.
A formación pide tamén 150.000 euros para acondicionar as marxes e vías de servizo da AC-563, entre Vilar do Colo e Fonfría, e 400.000 para adecuar o treito urbano da AC-141 na rúa do Concello antes de que a estrada sexa transferida ao municipio.
No transporte público, propón unha partida de 500.000 euros para mellorar as frecuencias e conexións no eixo Ferrol-A Coruña, con especial atención ás parroquias situadas fóra da N-651 e ás conexións coa Capela, Ares e Mugardos.
Recuperación ambiental e equipamentos
A recuperación de Vilar do Colo figura entre as propostas ambientais, cunha partida de 500.000 euros para retirar e xestionar os materiais bituminosos depositados na zona. O BNG reclama outros 200.000 euros para limpar e acondicionar o río Baa, incluíndo a identificación e o control de posibles escorregas e lixiviados procedentes do depósito.
O paquete incorpora tamén 300.000 euros para actuar no río Ventín, reducir o risco de asolagamentos e mellorar a captación de auga no verán; outros 300.000 para abordar a erosión e mellorar a seguridade da ruta costeira entre a praia da Madalena e Río Castro; e 100.000 euros para a restauración ambiental e a posta en valor do alto curso do Belelle.
Para as Fragas do Eume, o BNG solicita 1,5 millóns de euros destinados á conservación, restauración ambiental e mellora do uso público do parque, incluído o acondicionamento dos accesos a Caaveiro. Esta proposta abrangue tamén os demais concellos que forman parte do espazo natural.
No ámbito dos equipamentos, a formación propón 500.000 euros para unha primeira fase de acondicionamento da área recreativa e do campo de fútbol da Veiga, que incluiría a instalación de céspede artificial, a renovación da iluminación e a reparación dos vestiarios. A última das partidas detalladas ascende a 90.000 euros para infraestruturas básicas de comunicación dos servizos municipais de emerxencias, dentro dunha actuación de alcance galego.
Varela asegura que o obxectivo é que as necesidades de Cabanas teñan maior presenza nas decisións da Xunta e reclama que as propostas se traduzan en investimentos e prazos concretos.