O Chanfaina Lab leva o mellor das súas curtas ás parroquias antes da súa undécima edición

O Chanfaina Lab quenta motores para celebrar a súa undécima edición, que terá lugar os días 4, 5 e 6 de setembro, cunha programación previa pensada para achegar o espírito do encontro audiovisual ás parroquias de San Sadurniño.
Como antesala ao festival, o Concello organiza durante este mes de agosto un ciclo itinerante de proxeccións que levará unha selección de curtas rodadas en edicións anteriores aos locais sociais do municipio. A iniciativa pretende converter estes espazos en puntos de encontro veciñal e poñer en valor a memoria colectiva a través das historias filmadas no propio territorio.
As proxeccións, todas con entrada libre, celebraranse ás 20.30 horas e terán unha duración aproximada de 90 minutos. O calendario continuará o 2 de agosto no local social de Santa Mariña, o 7 de agosto en Lamas, o 8 de agosto en Igrexafeita, o 9 de agosto en Ferreira e rematará o 21 de agosto en Naraío.
O Chanfaina Lab consolidouse nos últimos anos como unha das citas máis singulares do audiovisual galego. Durante unha fin de semana reúne en San Sadurniño cineastas consolidados e novos creadores para gravar curtametraxes dentro dos límites do municipio, convertendo os seus 99 quilómetros cadrados nun gran escenario cinematográfico. As obras realizadas nesta edición estrearanse, como é habitual, no mes de febreiro de 2027.
A programación cinematográfica municipal continuará tamén despois do encontro audiovisual. Durante todos os venres de setembro, a Praza Ramón Díaz Raña acollerá sesións de cinema ao aire libre co apoio da Deputación da Coruña. O ciclo incluirá as películas 'Sirat', 'As Neves', '+Cuñados' e o documental 'Rapa. Xente ao monte'.
Ademais, San Sadurniño formará parte este outono do ciclo Premios Mestre Mateo, impulsado pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación da Coruña, que levará aos locais sociais das parroquias unha selección de filmes galegos premiados durante os meses de outubro e novembro.