O cine convértese nunha ferramenta para falar de saúde mental en Narón durante o mes de novembro

O cine será durante o mes de novembro un punto de encontro para falar de saúde mental en Narón. A Escola de Benestar e o Cineclube Serie B Cidade de Narón van da man nunha nova edición dos Mércores de Cine, que chegará ao Pazo da Cultura con catro películas arredor da soidade, os coidados, as dinámicas familiares e a identidade de xénero na infancia. Cada sesión contará cun coloquio posterior coordinado pola Escola de Benestar, co propósito de trasladar á conversa cuestións que aparecen nas películas e que tamén forman parte da realidade cotiá.
A colaboración permite achegar ao público algúns dos temas cos que traballa a Escola de Benestar, unha iniciativa dos Servizos Sociais municipais que ofrece recursos para mellorar o benestar emocional e físico da veciñanza. O programa conta con tres liñas de actuación: as Aulas de Benestar, dirixidas a mulleres e centradas na creación de redes de apoio, autoestima e espazos propios; Saúde Activa, con grupos de actividade física adaptada para persoas menores de 60 anos con problemas de saúde; e unha terceira área de conferencias e actividades divulgativas sobre saúde, especialmente mental.
A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, explicou que a elección das películas se fixo tendo en conta situacións coas que a cidadanía pode identificarse facilmente. Entre elas están a soidade, as responsabilidades dos coidados, a influencia das relacións familiares ou as dificultades que poden xurdir na infancia arredor das cuestións de xénero. A intención é que as historias permitan recoñecer experiencias próximas e que os coloquios axuden a afondar nelas.
Lorenzo quixo poñer o acento, especialmente, na importancia que ten a comunidade cando unha persoa atravesa unha situación difícil. 'Todo isto que se vai visionar nas películas é algo que podemos vivir en calquera momento calquera das persoas', sinalou. A concelleira considera que o contorno pode condicionar o benestar individual, pero tamén converterse nunha rede fundamental de apoio: 'A comunidade ás veces nos enferma, ás veces nos sana'. Por iso, un dos aspectos que se abordarán nos encontros posteriores será a responsabilidade que temos como sociedade e a capacidade de ofrecer axuda mutua.
A programación comezará o 4 de novembro con 'El peor vecino del mundo' (2022), dirixida por Marc Forster e protagonizada por Tom Hanks. A película aborda o dó e a soidade, así como a importancia dos vínculos que se establecen coas persoas da contorna.
A segunda sesión, inicialmente prevista para o mércores 11, trasladarase ao xoves 12 de novembro debido á convocatoria de folga xeral. Nesa xornada proxectarase 'María (y los demás)' (2016), de Nely Reguera e protagonizada por Bárbara Lennie, que aborda as responsabilidades dos coidados e as expectativas familiares e sociais.
O 18 de novembro será a quenda de '20.000 especies de abejas' (2023), de Estíbaliz Urresola, centrada na identidade de xénero durante a infancia e no papel que desempeñan a familia e o contorno. A película recibiu un importante recoñecemento no Festival de Berlín, onde Sofía Otero foi distinguida co Oso de Prata á mellor interpretación protagonista.
O ciclo pecharase o día 25 con 'Pequeña Miss Sunshine' (2006), de Valerie Faris e Jonathan Dayton. A viaxe dunha familia para acompañar unha nena a un concurso de beleza permitirá abordar cuestións como a presión polo éxito, a autoestima e as relacións familiares.
Todas as sesións comezarán ás 20.00 horas no Pazo da Cultura e serán de entrada gratuíta. María Lorenzo animou a veciñanza a participar tanto nas proxeccións como nos coloquios, que considera unha oportunidade para gozar do cine e, ao mesmo tempo, 'reflexionar e participar dun coloquio que pode ser unha aprendizaxe positiva'.