O peixe galego chega a Pantín para acompañar o surf cunha proposta pensada para antes e despois das ondas

FerrolXa
A iniciativa Pesca Saúde ofrecerá os días 29 e 30 de agosto degustacións gratuítas e información sobre nutrición e deporte coincidindo co Pantín Classic 2026
VALDOVIÑO pescasaude
28 Aug 2026

A praia de Pantín, en Valdoviño, converterase esta fin de semana nun punto de encontro entre deporte, gastronomía e alimentación saudable coa chegada de Pesca Saúde, unha iniciativa impulsada polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) para promover o consumo de produtos do mar galegos como parte dun estilo de vida saudable.

A actividade desenvolverase os días 29 e 30 de agosto, coincidindo coa celebración do Pantín Classic 2026. Durante estas dúas xornadas, unha foodtruck e un espazo divulgativo ofrecerán degustacións e información nutricional tanto aos deportistas como ás persoas que se acheguen ata a praia.

A proposta gastronómica foi deseñada en colaboración co restaurante A Artesa da Moza Crecha e xira arredor do concepto 'Antes da Onda / Despois da Onda', con dous petiscos diferentes pensados para cubrir necesidades distintas relacionadas coa actividade física.

A primeira elaboración será un crocante de pan de millo con bonito curado e tomate soasado, pensado para consumir antes do exercicio. Trátase dunha opción lixeira e de fácil dixestión na que o bonito achega proteína e graxas omega-3.

Para despois da actividade física ofrecerase un brioche de mexillón galego en escabeche emulsionado e codium, unha elaboración rica en proteína, ferro e minerais que busca favorecer a recuperación muscular tras o esforzo.

Degustacións durante todo o sábado e domingo

O sábado 29 de agosto, a foodtruck abrirá ás 11.30 horas, momento no que tamén terá lugar a benvida oficial. A primeira degustación, centrada na proposta previa ao exercicio, desenvolverase de 11.45 a 12.45 horas, mentres que a opción pensada para a recuperación muscular poderá probarse de 13.45 a 14.45 horas.

O espazo informativo permanecerá aberto ese día de 11.30 a 14.45 horas e de 17.00 a 19.00 horas, con materiais divulgativos e vídeos sobre a campaña.

O domingo 30 de agosto, as degustacións serán de 11.00 a 12.00 horas, para a proposta 'Antes da Onda', e de 13.00 a 14.00 horas, para a elaboración destinada á recuperación. O punto informativo funcionará de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 17.00 horas.

Unha campaña para recuperar o consumo de peixe

Pesca Saúde nace coa intención de facer fronte ao descenso do consumo de peixe fresco e ao aumento da presenza de produtos ultraprocesados na alimentación. A iniciativa pretende destacar os beneficios dos produtos pesqueiros para diferentes aspectos relacionados coa saúde e o benestar.

Ao longo de 2026, o proxecto está desenvolvendo actividades en centros de saúde, prazas e mercados, ademais de xornadas divulgativas con especialistas en medicina e nutrición. A partir de setembro tamén están previstos obradoiros prácticos para ensinar a incorporar produtos do mar á planificación dos menús semanais.

O programa está financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar e conta coa participación de sete GALP do litoral galego. A iniciativa tamén ten a colaboración da Consellería de Sanidade.

En Pantín, a campaña aproveitará a celebración dunha das grandes citas deportivas do verán en Valdoviño para achegar ao público unha mensaxe sinxela: a alimentación tamén forma parte da preparación e da recuperación despois do exercicio.

0.13653206825256