O percebe volverá ser o gran protagonista da primeira fin de semana de agosto en Cedeira

FerrolXa
A XXIII Festa do Percebe repartirá máis de 500 quilos deste produto no peirao, onde tamén haberá polbo, empanada e tren turístico gratuíto
CEDEIRA festa percebe
30 Jul 2026

Cedeira volverá render homenaxe a un dos produtos máis apreciados do mar coa celebración da XXIII Festa do Percebe, que terá lugar o sábado 1 e o domingo 2 de agosto no peirao da vila. Organizada pola Confraría de Pescadores de Cedeira co apoio do Concello, a cita gastronómica é un dos grandes atractivos do verán no municipio e reúne cada ano a centos de persoas.

A organización prevé adquirir máis de 500 quilos de percebe da mellor calidade para atender a demanda durante as dúas xornadas. O prezo da ración darase a coñecer o venres, unha vez pechadas as compras, co obxectivo de ofrecer o produto ao prezo máis axustado posible. O ano pasado a ración custou 20 euros.

Ademais do percebe, o público poderá degustar polbo á feira, do que se prepararán arredor de 600 quilos, cun prezo de 18 euros por ración, así como empanada de liscos e bonito, con dúas porcións por ración e un prezo de 6 euros. Tamén haberá servizo de bebidas e pan.

A gran carpa instalada no peirao permanecerá aberta tanto o sábado como o domingo entre as 12.00 e as 17.00 horas. Para facilitar os desprazamentos, o Concello volverá habilitar un tren turístico gratuíto que conectará a praza de Galicia co recinto da festa durante todo o horario de apertura.

Con máis de dúas décadas de historia, a Festa do Percebe converteuse nunha das citas gastronómicas de referencia do verán en Ferrolterra, poñendo en valor un dos produtos máis emblemáticos da costa cedeiresa e o traballo do sector pesqueiro local.

0.095126152038574