O Talentiño entrega máis de 500 euros a entidades que loitan contra o cancro e impulsan a investigación oncolóxica

FerrolXa
A recadación do festival solidario celebrado o pasado 8 de novembro no Centro Cívico de Canido repartiuse a partes iguais entre a Asociación Española Contra o Cancro e ASARGA
FERROL talentiño
20 Nov 2026

O Talentiño entregou este venres os 518,30 euros recadados no festival benéfico O Talentiño Solidario, celebrado o pasado 8 de novembro no Centro Cívico de Canido. A cantidade destinouse a partes iguais á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e á Asociación de Sarcomas Grupo Asistencial (ASARGA), que recibiron 259,15 euros cada unha.

A gala, presentada por Joaquín Enríquez e Rebeca Coll, reuniu artistas de distintas edicións do certame nunha cita marcada pola música e a solidariedade. A entrega simbólica dos donativos celebrouse este venres no Centro Cívico de Canido e contou coa participación de representantes das entidades beneficiarias e de varias artistas vinculadas a O Talentiño.

Por parte do certame participaron Antía Barona, gañadora da categoría de Vocalistas na edición de 2026; Sofía Hernández, vencedora da mesma categoría en 2025; e Nuria Cornide e Sabela Castro, finalistas. As catro artistas tamén actuaron en O Talentiño Solidario e representaron ao proxecto fundado por Lucía Pérez, Joaquín Enríquez, Eva Faraldo e Xabier Vizcaíno.

As entidades beneficiarias estiveron representadas por Mayte Deus, presidenta de ASARGA, e Mabel Sanesteban, vicepresidenta da xunta local de Ferrol da Asociación Española Contra o Cancro.

Apoio ás persoas afectadas e á investigación

Mayte Deus agradeceu a implicación de O Talentiño e de todas as persoas que participaron no festival, e destacou a importancia destas iniciativas para asociacións pequenas que traballan con enfermidades pouco frecuentes.

'Somos unha asociación pequena que precisa destes recursos para seguir acompañando, informando e orientando ás persoas afectadas, así como para contribuír á investigación dunha enfermidade rara como é o sarcoma', explicou a presidenta de ASARGA.

Pola súa banda, Mabel Sanesteban trasladou o agradecemento da Asociación Española Contra o Cancro pola iniciativa e subliñou a importancia das achegas económicas para manter a investigación e os servizos destinados ás persoas enfermas e ás súas familias.

'É un donativo fabuloso e moi importante para a investigación, para os nosos pacientes e para todas as actividades que organizamos desde a asociación. Sobre todo, permítenos seguir ofrecendo de maneira gratuíta os servizos destinados aos pacientes e familiares. Moitísimas grazas a O Talentiño', afirmou.

Un festival solidario coa participación do público

O Talentiño Solidario celebrouse baixo o lema 'O talento que nos une, a solidariedade que nos move' e reuniu artistas de distintas edicións do certame e persoas vinculadas ao proxecto.

A recadación obtívose a través da participación do público nas diferentes iniciativas solidarias organizadas durante o evento, entre elas sorteos e a venda de artigos solidarios.

Desde a organización valoran positivamente o resultado desta primeira edición, tanto pola resposta das persoas asistentes como pola implicación desinteresada das artistas, colaboradores e entidades que contribuíron á celebración do festival, coa intención de que a iniciativa teña continuidade.

Máis alá da cantidade recadada, o evento serviu para dar visibilidade ao traballo que desenvolven as entidades na loita contra o cancro e para reivindicar o papel da música e do talento da mocidade como ferramentas de mobilización social.

0.15670299530029