O Tapéate volverá encher Ferrol de tapas do 12 ao 22 de novembro

Ferrol volverá converterse nun escaparate da súa gastronomía coa celebración dunha nova edición do Tapéate, que terá lugar do 12 ao 22 de novembro. A iniciativa, organizada polo Concello e a Asociación de Empresarios de Hostalaría de Ferrol, permitirá ao público percorrer os locais participantes e elixir as súas tapas favoritas.
A Xunta de Goberno Local aprobou o convenio de colaboración entre ambas entidades, cunha achega municipal de 3.250 euros. O alcalde, José Manuel Rey Varela, destacou que o certame forma parte do compromiso municipal coa promoción turística e a dinamización económica e social da cidade, así como co fortalecemento do sector hostaleiro e a posta en valor da gastronomía local.
Na pasada edición servíronse máis de 19.000 tapas nos 24 establecementos participantes. Para este ano, a organización espera incrementar a participación dos locais e da cidadanía e superar esas cifras.
Inscrición dos establecementos ata o 6 de novembro
Poderán participar os negocios hostaleiros que dispoñan de barra e sirvan habitualmente pinchos ou tapas. O prazo para inscribirse remata este venres, 6 de novembro, ás 14:00 horas.
As solicitudes deberán incluír o nome do establecemento, un teléfono de contacto, o nome da tapa e unha fotografía da proposta. A documentación poderá entregarse na sede da Asociación de Empresarios de Hostalaría de Ferrol e Comarcas, situada na rúa Real, 73-75, 2º D, ou enviarse ao correo electrónico hosteferrol@hosteferrol.org.
1.500 euros en premios
O certame contará con tres premios outorgados por un xurado formado por tres persoas expertas en gastronomía, propostas pola asociación hostaleira. As tapas clasificadas nas tres primeiras posicións recibirán 500, 400 e 300 euros, respectivamente. Na valoración teranse en conta aspectos como a presentación, a elaboración, a degustación e o uso de produtos autóctonos.
Ademais, haberá un premio especial do público, dotado con 300 euros, que recaerá na tapa máis votada polos consumidores. Os establecementos participantes repartirán tarxetas nas que os clientes poderán indicar os seus datos de contacto e a súa proposta favorita. Despois deberán depositalas nas urnas habilitadas nos propios locais.
Estas tarxetas tamén permitirán participar no sorteo de tres bonos para actividades turísticas en Ferrolterra, valorados en 100 euros cada un. Para que a participación sexa válida, será necesario contar co selo de catro establecementos participantes diferentes.
O sorteo celebrarase o 27 de novembro, ás 10:00 horas, na sede da Asociación de Empresarios de Hostalaría de Ferrol.