Un TFM do Campus Industrial de Ferrol crea un kit impreso en 3D para previr lesións polo uso do teclado e do rato

A impresión 3D abre novas posibilidades para desenvolver ferramentas ergonómicas adaptadas ás necesidades das persoas. Nesta liña traballa o proxecto de fin de máster de Doralys Torriente Aguilar, alumna egresada do máster en Fabricación Aditiva da Universidade da Coruña (UDC), que deseñou un kit de ferramentas impresas en 3D destinado á prevención e rehabilitación de lesións musculoesqueléticas asociadas ao uso repetitivo do teclado e do rato.
O traballo, desenvolvido no marco desta titulación interuniversitaria que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), busca facilitar a realización de exercicios de mobilización, estiramento e fortalecemento das extremidades superiores mediante dispositivos ergonómicos. A proposta parte dun problema habitual tanto no ámbito académico como no laboral: as molestias derivadas do uso intensivo dos dispositivos informáticos, dos movementos repetitivos, das posturas incorrectas e dos esforzos prolongados.
Entre as lesións e patoloxías relacionadas con estes factores figuran a síndrome do túnel carpiano, a tendinite, a epicondilite lateral e a tenosinovite de De Quervain, que poden afectar os músculos, os tendóns e os nervios das mans, dos pulsos e dos antebrazos.
O proxecto, titulado ‘Deseño e desenvolvemento dun kit de ferramentas impresas en 3D para a prevención e rehabilitación de lesións por uso repetitivo do teclado e do rato’, foi titorizado por Ana Ares Pernas, profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), e Florian Michaud, investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).
Seis exercicios cun único kit
Un dos elementos centrais do traballo é o deseño dun conxunto de ferramentas que permite exercitar diferentes movementos das mans e dos antebrazos mediante seis propostas: peche da man, flexión dun dedo, extensión dos dedos, extensión dun dedo, rolo de pulso e torsión do antebrazo.
Segundo explica a autora, os dispositivos están concibidos para facilitar os exercicios de mobilización e fortalecemento, con especial atención á ergonomía, á comodidade e á facilidade de uso. A intención é ofrecer unha solución que permita traballar distintas capacidades de movemento das extremidades superiores a través de exercicios específicos.
A fabricación aditiva desempeña un papel fundamental no desenvolvemento destas ferramentas, xa que permite explorar deseños adaptables á fisionomía de cada persoa, modificar as características dos dispositivos e optimizar os materiais empregados. Ademais, esta tecnoloxía pode reducir os custos de fabricación en comparación con outras solucións comerciais dispoñibles no mercado.
Unha demostración no marco de ‘Outubro Saudable’
O kit presentouse este luns, 26 de outubro, nunha actividade divulgativa organizada no marco de ‘Outubro Saudable’, o programa promovido pola UDC Saudable. A sesión desenvolveuse no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, situado no Edificio de Talleres do Campus Industrial de Ferrol.
Durante a xornada, aberta á comunidade universitaria, as persoas asistentes puideron coñecer as ferramentas desenvolvidas por Doralys Torriente Aguilar e probar os seis exercicios propostos. A demostración permitiu achegar o resultado do traballo académico ao público e amosar as posibilidades da impresión 3D para crear dispositivos ergonómicos orientados ao coidado e ao exercicio das extremidades superiores.